PECHE DO CMUS PROFESIONAL DE VIGO E ACTIVACIÓN DO PROTOCOLO DE ENSINO VIRTUAL

Prezados alumnos, alumnas e familias:

Debido á situación que estamos a vivir pola Covid-19, a Consellería decretou á activación dende mañá mesmo (mércores 27) do “Plan de ensino virtual” nos diferentes centros de réxime especial, entre os que se atopa o Conservatorio Profesional de Música de Vigo, ata o vindeiro 17 de febreiro.

Na referida activación do “Plan de ensino virtual ante a covid-19”, cada titor/a e profesor/a das diferentes materias e especialidades, tanto instrumentais como de conxunto e teórico-prácticas, contactará co seu alumnado a través das diferentes canles habilitadas para tal efecto: correo electrónico oficial, aulas virtuais, Cisco Webex,… sen menoscabo das chamadas telefónicas para levar a cabo as titorías telemáticas.

En canto aos horarios do CMUS Profesional de Vigo para o ensino virtual, na páxina web figura, dende o pasado 9 de novembro, un documento que leva por título “Anexo ao Plan de Continxencia: Horarios espello do CMUS Profesional de Vigo para a docencia a distancia”, no que figuran a totalidade dos alumnos e alumnas do Centro. En caso de necesidade, o profesorado, en acordo co alumnado, podería levar a cabo modificacións en beneficio dos propios discentes.

Esta programación de ensino virtual manterá a carga lectiva de cada materia e a mesma distribuirase de tal forma que un mínimo do 60% se centre na docencia virtual e o 40% restante se destine á realización de tarefas e actividades. No caso das materias teórico-prácticas, e sempre na procura da mellor atención posible do noso alumnado, o profesorado disporá de certo marxe para a organización das súas clases.

A modalidade de ensino virtual garantirá tamén o control de asistencia dos alumnos/as, a través da supervisión por parte do profesorado.

Atentamente:

O equipo directivo.

Publicado o 26 Xaneiro, 2021, por : ACTIVIDADES

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegación está dando o seu consentemento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para obter maís información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies